Galicia e Polonia, á cabeza da precariedade en Europa


Deputado de En Marea

Galicia é un dos territorios con maior precariedade laboral de toda a Unión Europea, segundo acaba de facer público o Instituto Galego de Estatística. Só Polonia ten unha taxa de temporalidade superior á nosa. Estamos incluso por riba da media española. Unha soa cifra reflicte de forma tan expresiva como irrefutable esta terrible realidade: nos últimos dez anos rexistráronse 7.702.290 contratos de traballo nas oficinas de emprego público -agora o SEPE antes o INEM-, situadas en Galicia.

Non, non é un erro: na década da gran recesión, na que se destruíron centos de miles de empregos, formalizáronse en Galicia case 8 millóns de contratos de traballo. Incluso entre o 2008 e o 2010, un período terrible para o emprego no que se destruíron 100.000 postos de traballo, ao mesmo tempo, nas oficinas do INEM rexistráronse máis de dous millóns de contratos.

Son cifras absurdas, sen lóxica: nun país que ten de media 850.000 asalariados -incluídos nesta cifra os funcionarios- firmáronse 7,7 millóns de contratos. Se dividimos ambas cantidades sae unha media de 9 contratos por cada asalariado que hai no noso país.

Isto, obviamente, é unha media aritmética que non se corresponde co que sucede na realidade, porque hai moitas persoas con contrato indefinido e antigüidade na súa empresa que non firman ningún contrato. Por iso a realidade da precariedade alcanza valores extremos nun segmento da poboación asalariada: en dez anos formalizáronse 7 millóns de contratos temporais, o 91 % do total, cando o número medio neste período de persoas asalariadas con contratos de duración determinada foi de 230.000.

Si relacionamos ambas cifras, obtense o denominado índice de rotación, isto é, o número medio de contratos firmados por cada persoa asalariada temporal. Esta ratio é aterradora: cada traballador temporal firmou case tres contratos cada ano e, polo tanto, 30 na última década.

Expresado de forma gráfica, nas oficinas de emprego do noso país hai dúas largas colas: unha é a das persoas inscritas que buscan un emprego, que chegou a trescentas mil persoas no 2013, e outra, aínda máis longa, de máis de setecentas mil nese mesmo ano, na que están as persoas que rexistran un contrato de traballo precario.

En realidade é a mesma cola porque moitas das persoas están nas dúas: son o universo do precario, das persoas asalariadas que transitan do paro ao emprego precario, que rotan entre o desemprego e a sobreexplotación dos empregos de salarios baixos. España, e nós tamén, somos os que sufrimos máis desemprego e máis temporalidade e iso non é unha coincidencia casual: son as características estruturais do noso mercado de traballo que se retroalimentan unha da outra.

Zygmunt Bauman, o sociólogo polaco que acaba de falecer, acuñou o termo precariado para definir a este crecente número de persoas que tarda anos en acadar unha situación de estabilidade laboral e a de moitos que xa non a acadan nunca. Bauman, falando do mercado laboral en Francia, definía as modalidades contractuais temporais como un mecanismo «desapiadadamente explotador». Pois aquí, entre nós, moito máis, porque como di o IGE, Galicia ten a taxa de temporalidade mais alta da UE despois de Polonia.

Votación
18 votos