Tolerancia ás frustracións

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

25 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O aumento do acoso escolar segue ocupando titulares e hai unha percepción social, non só mediática, de que se está a converter nun dos temas máis preocupantes da educación. Un 7 % dos alumnos da ESO manifesta ter sufrido acoso no seu centro docente e cada vez é maior o número de denuncias, mesmo no ensino primario, chegando a cifrarse nun 75 % o incremento dos casos no último curso. Non obstante, para valorar estes datos hai que ter moi claro o que é e o que non é acoso escolar, pois dáselle este nome a actitudes puntuais propias de nenos, que non revisten a gravidade que se lles pretende atribuír. Quen non ten soportado na escola insultos, alcumes, burlas ou abusos? O acoso escolar vai máis alá; é un maltrato ou vexación física ou psíquica, intencionada e repetida no tempo. É un tipo de violencia extrema, que debe ser erradicada por todos os medios dispoñibles. Nos centros educativos cóntase con orientadores e protocolos para detectar e tratar os casos que poidan producirse.

Agora ben, dito isto, hai que ter en conta tamén o moito dano que se está a causar coa denuncia e publicidade dos incidentes que non revisten o carácter de acoso. Dano a alumnos que non teñen malas intencións e non saben discriminar entre un xogo e a gravidade dunhas palabras ou duns feitos; dano a mestres, en moitos casos acusados de mirar para outro lado; dano a pais que, sen ter a oportunidade de buscar unha explicación aos feitos, atópanse de súpeto cun fillo tachado de acosador; dano, en fin, a un centro no que hai unha boa convivencia e que, tirando pola borda un traballo ben feito, salta aos titulares por un suposto caso de acoso escolar.

Cal é a principal causa de todo isto? A superprotección na que moitos pais manteñen aos fillos. Por un inxustificado medo a que sufran ou por temor a perder o seu afecto, prodíganlles excesivos e innecesarios coidados, que acaban por facer deles unhas persoas consentidas, dependentes e inseguras. Deste xeito, a máis mínima contrariedade produce neles unha falsa sensación de agresión, que acaba por elevarse á categoría de acoso. Non hai tolerancia ás frustracións, imprescindible para unha normal maduración, que posibilitará facer fronte aos moitos reveses que van atopar na vida. É esencial preparar aos fillos para a sociedade adulta, mediante un equilibrio entre dependencia/independencia e éxito/frustración.

O neno converteuse no centro da familia e a súa palabra ten presunción de veracidade. Se di que foi acosado, os pais crenlle cegamente e entón os inimigos a bater son, por esta orde, o mestre, o centro e o compañeiro, suposto acosador. Como dixo recentemente o profesor Massimo Recalcati, os pais téñense convertido nos sindicalistas dos seus propios fillos e en aliados destes contra os profesores.