Leccións norteamericanas

OPINIÓN

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Trump gañou as eleccións. Algúns dirán que é un fallo da democracia americana ou da democracia en si. Outros insisten, penso que con razón, en que non gañou Trump senón que perdeu Clinton porque non logrou convencer aos votantes demócratas, fronte ao entusiasmo co que o seu contrincante inflamou aos republicanos. No mundo moderno (contemporáneo, chamamos aquí), na lóxica liberal e democrática e tamén na revolucionaria (a francesa primeiro, a soviética despois), conquistar o poder consiste en convencer mellor aos potenciais partidarios sen preocuparse moito dos alleos, sen intentar asumir o seu programa, nin preocuparse moito sequera de empatar con eles antes de lograr o poder. Consiste en lograr a máxima adhesión posible dos que están dispostos a apoiar o teu campo e entusiasmalos dabondo para conseguir o seu apoio. Así gañou Trump e perdeu Clinton: convencendo a máis dos seus. Así gañoulles Obama primeiro a McCain e logo Romney.

O modelo das eleccións presidenciais norteamericanas permite entendelo e o resultado das últimas permiten explicalo. Permite entendelo porque o modelo ianqui reúne ambas tradicións, a revolucionaria na súa versión máis precoz da revolución democrática e a tradición do sistema liberal-democrático que se desenvolve despois da revolución orixinal e que tivo por obxectivo principal evitar outra revolución. Por iso estes días Obama insistiu no éxito de levaren dous séculos sendo quen de traspasar pacificamente o poder dun modelo e dun modo de ver o mundo a outro moi distinto cada catro ou oito anos (agás cando a súa guerra civil). Unha tradición revolucionaria que mesmo puido atreverse a presentarse como conservadora con Reagan, mudando o significado da palabra revolución.

Dirán uns que esta é unha versión inxenua da democracia. Pero foi así como as Mareas ou Podemos lograron irromper nun sistema político bloqueado (en dous bloques). Dirán outros que nada ten que ver tampouco a dinámica da revolución socialista do século XX con a idea de lograr o poder mobilizando aos propios. Pero ambas as dúas vías contemporáneas -a revolucionaria e a sistémica democrática- son inclusivas de maiorías, aínda que poidan desviarse, fracasar ou seren derrubadas. Traballan ambas para construír maiorías, no estilo anglosaxón e americano coa lóxica de fractura en dous bandos: whigs e tories, demócratas e republicanos, brancos e colorados. Vermellos e brancos na versión revolucionaria soviética. Na Europa continental, a pauta foi de pluralidade fragmentada, pero partindo da clásica fractura da Asemblea revolucionaria francesa entre dereita e esquerda.

Foi no modelo continental europeo da posguerra cando se achegaron uns aos programas dos outros mesmo antes das eleccións. Pero na tendencia secular da democracia como sistema, quen convence a máis dos seus gaña as eleccións e, aceptando o perdedor o resultado, o sistema funciona e se reproduce. A iso volvemos. Mais alá -no fondo- están estruturas e aparatos de poder, mecanismos cotiáns, instrumentos de manipulación. Quen volva dicir que Hitler gañou nas urnas volverá mentir. A democracia permitiu cambios revolucionarios a quen soubo facelos logrando o apoio dunha maioría que non son nunca todos. Por sorte.