¿Estaba o rei no golpe?

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai razóns para pensar que o rei vía ben a solución Armada; e non é de estrañar porque os asesores, na propia Casa Real, animábano a apoiala. O que non podía admitir o rei é que se producise un golpe de Estado no seu nome, de aí que desde o primeiro momento fixese o posible para evitalo. Non ten sentido afirmar que non fixo nada ata a una e cuarto da mañá do día 24, cando TVE reproduciu a súa mensaxe, porque minutos despois da entrada de Tejero no Congreso xa falara con distintos mandos militares.

As palabras de tranquilidade que dirixiu ao presidente da Generalitat e que repetiu a García-Sabell e á deputada Anna Balletbó, a primeira en saír do Congreso por estar embarazada, non proban que procurase o control da situación; pero si o proba que ás 18.40 chamara ao xeneral Gabeiras para coñecer as medidas que tomara respecto ás capitanías xerais, e que ás 19.30 chamase a Miláns para confirmar as ordes que Gabeiras lle dera de retirar as tropas aos cuarteis. Cando chamou ao capitán xeral de Zaragoza, este respondeulle eufórico: «¿Qué, señor, al toro?». Don Juan Carlos calmouno e ordenoulle que non fixese nada se non recibía instrucións súas. Miláns perdeu así un dos máis firmes apoios.