Galácticos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia temos unha equipa de galácticos máis sedutora ca eses rapaces do Real Madrid. Sen estoutros galácticos, eu non sería quen son.

Moitas veces me dá por pensar no que pasaría se aquela noite non coñecese a Carlos Casares. Hoxe sería unha gris tradutora da ONU sen nada que ver con esta lingua máis cá reminiscencia dun tempo no que escribía contos. Outras veces matino nos caprichos da confianza, cando alguén te elixe e che dá unha vida. Iso foi para min Víctor Freixanes, ese ser que agarima a máis valiosa das virtudes: malia a súa bagaxe cultural e os automatismos xeracionais, nunca deixa de buscar iso que descoñece, teimando en que aí pode estar a clave da continuidade, a saúde e a proxección ao mundo da cultura galega. A esa intuición case máxica débolle a miña carreira literaria. E tamén un círculo de complicidades que teceu na Editorial Galaxia convertida en fogar ao que volver sempre.

Desa mesma intuición tamén procede Francisco Castro, o terceiro galáctico desta historia que non é nin a dunha escritora nin a dunha editorial calquera, senón a da casa da cultura galega desde 1950. Porque dirixir Galaxia non é só lidar cunha empresa. É tamén cargar cun símbolo particular, difícil, estraño: normalmente os símbolos non levan nas alforxas quince nóminas, un almacén cheo de libros, autores que aturar, lectores que atraer a unha literatura que é unha causa e un mercado. Velaí o reto galáctico ao que se enfronta Francisco Castro quen, igual ca Casares e Freixanes, é un deses entusiastas da vida e da cultura que se propuxo atopar a luz da literatura galega para sempre nas estrelas que sempre escintilan, porque os nosos libros fican.