Supernais

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

24 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco, este xornal entrevistaba a varias supernais do país, nais con tres ou máis fillos. Decidín chamalas así porque son nais que escapan do arquetipo construído por unha chea de disque expertos, que xustifican -antes que explicar- a ínfima fecundidade galega.

Unha supernai dicía que se che gustan os nenos telos e punto. Outra que o de non ter nenos ou só ter un era cuestión de comodidade. Lembráronme o que me contara hai anos unha empresaria de certo éxito á que convidara a unha mesa redonda no ciclo que desenvolvemos no Museo do Pobo Galego, que logo deu pé ao libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico (Edicións Xerais). Contarame esta empresaria que ela tivera os seus fillos mentres turraba da empresa e que para crialos só dispuxera da axuda da familia, pero que agora, cando todos gozaban xa dunha posición desafogada, ningún dos seus fillos quería darlle netos. E logo por que? Pois porque cos nenos non se podía viaxar, saír nin disfrutar da vida.

Con isto de ser nai ou pai pasa como cos soldados: non todos poden ser heroes nin comandos dos boinas verdes. Hai quen vale e hai quen non. Un sempre di que as nais e pais de familias numerosas terán moito mérito, pero non todo o mundo ten ese valor. Ademais, na pésima e susceptible de empeorar situación demográfica na que se atopa Galicia, dáse a circunstancia de que agora mesmo antes precisamos numerosas familias máis que familias numerosas, aínda que só sexa porque para chegar a familia numerosa previamente hai que ter un par de picariños.

Daquela, non todas as nais poden nin deben ascender a supernais, ou de pais a superpais. No noso caso, abondaría con que os que tiveran as mínimas condicións de saúde, patrimonio e renda contribuísen coa consabida parelliña, mentres que algúns afoutos e mesmo temerarios bulisen voluntarios a aportar o que outros non poden asumir por diversos motivos, incluíndo os patoloxicamente apoucados para concibir ou adoptar.

Pero, igual que os heroes merecen honras, gratificacións e recoñecementos, as intrépidas supernais merecen compensacións, homenaxes e gabanzas, porque aínda que para ser heroína cómpre ser algo parva -por arriscar moito sen pensar nas consecuencias-, non abonda con ser unha senlleira émula de María Pita contra os corsarios de Drake. Se as restantes candidatas a heroínas comproban que as de vangarda son esmagadas, esquecidas ou mesmo ridiculizadas, pensarán que non paga a pena pasar tantos sacrificios persoais para axudar a sobrevivir a un pobo ingrato e inconsciente.

E qué dicir dos fillos das supernais? Meus pobres. Pois que eles non levarán unha vida tan regalada como a maioría dos escasos nenos que hoxe temos en Galicia, pero que canda menos hanse criar nun entorno onde abonda algo que agora moi poucos coñecen, ata o punto de recorrer a sucedáneos. Hanse criar na práctica cotiá da fraternidade, que ao cabo é o nivel superior da solidariedade, orixinariamente prevista en beneficio dos avaros acredores.