Sentimentais de pacotilla

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

19 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Canto máis leo o caso de Nadia, a nena enferma cuxos pais seica organizaron unha recadación de fondos falsa, máis me convenzo de que os enfermos somos os demais. Doentes de sentimentalismo barato. Ávidos de paliar a mala conciencia burguesa cunha historia lacrimóxena. Cos medios animando o cotarro superficial, poñemos en suspenso todo aquilo no que criamos (a ciencia, o pacto social, a razón) e comportámonos coma se vivísemos nunha república bananeira onde é preciso acudir a chamáns para sandar os fillos e alimentarnos coma nun holocausto nuclear. Así proliferan a celiaquía inventada, o pánico á lactosa e a fe na homeopatía, porque os médicos son o demo! E para recadar euriños indignados con este modelo de progreso asasino, non hai como mentar un menciñeiro de Afganistán. Puro snobismo e moita estupidez, o paraíso dos estafadores.

Cando se di que España é un país moi solidario, pregúntome se o miden por casos coma o de Nadia. Somos solidarios pero aínda non fomos quen de organizar unha manifestación masiva pola desfachatez coa que os representantes desa solidariedade se desentenden dos refuxiados. Nadia é vítima dos seus pais e de todos nós, que decidimos que unha historia triste dun dos nosos merece a nosa atención cen veces máis ca os nenos mortos no Mediterráneo, os enfermos dos campos do Sáhara e Palestina, ou as ducias de persoas con enfermidades raras cuxos familiares se deslomban a recoller tapóns sen que a prensa nin nós lles fagamos nin caso, quizais porque son máis pobres, máis feos ou menos caraduras.