Abusos sexuais a menores

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

19 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao ver ou ler as noticias case cotiás de abusos sexuais a menores, diríase que se trata dunha praga actual, pero os relatos de adultos que as sufriron na súa nenez levan a pensar que é algo que ocorreu en todas as épocas e en todos os lugares, aínda que hai algúns ámbitos onde son máis frecuentes.

O que produce maior calafrío é que eses abusos se produzan alí onde os nenos deberían sentirse protexidos: a casa e o colexio, e por parte de persoas que deberían proporcionarlles seguridade e apoio: a familia e os docentes, tanto de centros laicos como relixiosos.

O abusador descoñecido, o que leva aos nenos á forza ou enganados, é minoritario. O habitual é que sexa o pai, o avó, o tío quen abusa dunha criatura indefensa; ou o profesor de ximnasia, ou o adestrador dun equipo, ou o cura de quenda.

Estas agresións son as que deixan peores secuelas, porque á agresión sexual sufrida súmase a perda de confianza naqueles que deberían ser o teu apoio para a vida: a familia e a escola sempre, e, en moitos casos, a Igrexa. En quen vas confiar se che fallaron?

É o medo ou a vergoña o que impide á vítima denunciar as agresións. Non se pode evitar que un dexenerado ataque a unha criatura, pero pódese evitar que se repita a agresión. Só hai que crear as canles doadas. Pódese facer. E diso falaremos outro día.