Ás 18.23 horas, cando se votaba a investidura de Calvo Sotelo, entrou no hemiciclo, pistola en man, o tenente coronel Tejero, que berrou «¡Quieto todo el mundo!», mentres ía cara á tribuna. Parecía estar só porque o capitán que o seguía se detivo a rifar a un bedel por fumar no corredor de acceso á Cámara; pero logo entraron varios oficiais e numerosos gardas civís, berrando «¡Al suelo todo el mundo!».
Gutiérrez Mellado deixara o escano para enfrontarse a Tejero, e varios gardas quixeron detelo. Tejero fixo un disparo ao teito, ao que seguiron os de varios subfusís. Gutiérrez Mellado ficou en pé, entre os gardas que disparaban e non puideran reducilo, polo que Tejero baixou da tribuna e dúas veces tentou tiralo ao chan, sen conseguilo. Adolfo Suárez rescatouno e levouno ao escano.
O capitán Muñecas Aguilar anunciou a próxima chegada da autoridade competente, «militar por supuesto», que diría o que cumpría facer; pero «por supuesto que no pasará nada».
Poucos saberían que aquel oficial que os tranquilizaba saíra do País Vasco polas torturas que nos cuarteis de Zarauz e Tolosa sufriran numerosos detidos. As fotos da sindicalista Amparo Arangoa foran definitivas para o seu traslado.