Os premios literarios en Galicia

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na década dos 80, mesmo nos 90, había unanimidade case que total: os premios literarios eran necesarios para normalizar e fortalecer o noso sistema literario. Darlle de vez visibilidade. Pulo. E hoxe? Pasaron xa trinta, corenta anos; cal é a función dos certames literarios que se convocan cada ano nas nosas letras? Non debería ser a mesma, obviamente, pois significaría que o desenvolvemento da nosa cultura non foi tal, polo menos non o axeitado.

Neste momento hai moita confusión case que en todo, tamén no eido literario. É aínda tempo, a máis, de dificultades para as editoriais e sobre todo, de transformación -en xeral- coas novas tecnoloxías. As redes sociais, os libros electrónicos, certa facilidade para publicar e autoeditar, alentan esa confusión (para min esta é unha das palabras clave).

A nosa literatura depende demasiado do ensino aínda; case que totalmente. Concordo nisto con Monteagudo. O ensino -o círculo do ensino- é unha necesidade e de vez unha tentación. O ensino é, acaso sexa, unha base fundamental pero ao mesmo tempo pode condicionar o avance.

Os premios literarios, nesta situación, deberan axudar a clarificar o panorama literario; deberan servir para abrir camiños novos, propostas máis arriscadas, decididas; deberan axudar, por outra banda, a diminuír esa dependencia do ensino. Levar a nosa literatura a ser adulta; esa consideración.

Hoxe a vida dun libro é curta, moi curta. E ata a banda dun premio na cuberta dun exemplar pode asemellarse en 15 días ou no prazo dun mes nos andeis a unha coroa de flores nun cadaleito. Eu, que veño de gañar o García Barros de novela, xa sei a estas alturas -despois dalgún éxito e de moitos fracasos- que o importante non é o premio; o que importa vén despois, é o interese que ese libro esperte na xente que o lea.

Dubido que os certames literarios sirvan hoxe en día de plataforma (as redes válense por si mesmas); quizais sexan máis relevantes como acontecemento social, que tamén está ben esoutra dimensión de calado social para pasar á madurez; importante ademais na actualidade, onde domina o inmediato, e para prolongar a vida do libro quen o escribe ha de facer máis bolos que moitos cantautores, ese necesario esforzo aínda de despois por falta acaso dun apoio máis eficaz das institucións á industria cultural. Esta anotación ou frase final semella aínda inevitable.