Lalín: o noso Stalingrado demográfico

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na campaña autoxenocida que vén desenvolvendo a sociedade galega contra si mesma dende a década dos 80, Lalín é o noso Stalingrado. Neste dramático símil bélico resúmese a necesidade de salvar Lalín para tentar salvar Galicia.  

Lalín debe seguir sendo de primeira categoría, porque é a porta e símbolo dese cerne e carozo da Galicia que avellenta e morre. É, concentrado, o resume da traxedia que a maioría, si, a gran maioría dos galegos, devotos do familismo amoral que describiu Edward Banfield para a sociedade meridional italiana, non quere ver para non se sentir interpelados pola kennedyana pregunta, «e logo, ti que fas polo teu pobo?», en especial a aqueles que teñen saúde e ingresos para seren mobilizados nesta loita. Non preguntes que pode facer o teu país por ti, pregúntate que podes facer ti polo teu país, dixo Kennedy.

Lalín volta loitar neste Nadal por preservar a súa categoría mantendo máis de 20.000 veciños. O seu Concello resiste, pero a moral de combate decae. As forzas fraquean, os anos medran na súa media de idade, e nin por inmigración nin por maior número de nacementos a situación mellora. Ensaiado todo o convencional para manter a posición agora é hora de mudar de estratexia e romper o cerco. Como? En Galicia hai dúas escolas de pensamento neste eido: a maioritaria no establishment, que por non falar da contribución persoal de cada quen á fecundidade prefire perder tempo e centrarse nunha inmigración redentora; e a minoritaria, que asume que a nosa situación é tan desesperada e desesperante que cómpre mesturar inmigración con, xa e por riba de todo, bastante máis fecundidade, centrándose naqueles galegos que poden ter máis fillos en condicións axeitadas pero non queren telos. Introduciríase así un factor catalizador de primeira orde e compensaríanse os fillos que non poden ter os desempregados, subempregados e doentes.

Remata o tempo da resistencia e comeza o tempo do contraataque pola supervivencia. Hai que axudar a Lalín. Que os galegos urbáns que poidan se empadroen alí, pero non os dos esmorecentes concellos rurais do interior, porque espiríamos un santo para non vestir a outro. Superando daquela o inminente derrube da liña defensiva, cómpre mudar de estratexia. E unha das primeiras medidas tácticas que deberan adoptarse a nivel local -xa saben, pensa en global e actúa no local- é a aprobación dunha ordenanza municipal que codifique de xeito estable todos os estímulos na súa man para atraer poboación fértil e para que os pais do concello se sintan arroupados, ata que os seus fillos se podan emancipar e darlles netos. Pero para iso cómpre consenso, enterrando complexos e dogmas. Un modelo pode ser http://ordenanzadeimpulsodemograficolocal.blogspot.com.es/, pero como ninguén é omnisciente, poden idearse outros modelos. Iso si, con estabilidade a 50 anos vista e por consenso. Que non caia Lalín, o noso Stalingrado, na loita pola supervivencia dunha Galicia anovada.