A hucha das pensións

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

05 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai anos, o Goberno vai sacando e sacando diñeiro da hucha das pensións. Algunhas persoas que saben moito de economía din que está ben, que para que subir impostos e facer recortes se hai un diñeiro dispoñible: a hucha está para ser usada cando se necesita. Outras, que tamén saben moito de economía, din que o procedemento de sacar e non repoñer só nos pode levar ao desastre en breve tempo.

Eu non sei que pensar, porque nestas cousas a unha inflúelle o que viu na súa familia. A miña avoa dicía: «Bos son os meus bens que remedian os meus males» e o meu pai pensaba o mesmo. Ou sexa que, se vivisen, pareceríalles moi razoable utilizar a hucha. Pola contra, a miña nai inculcoume, desde que tiven uso de razón, que nunca se debe gastar todo o que se gaña e que sempre hai que aforrar un pouco, «polo que poida pasar», así que desde o seu Alén estou segura de que criticará moi duramente a este Goberno.

Eu non sei que dicirlles. Por unha banda, paréceme mal recorrer aos recortes, porque, ademais sempre recortan en Cultura e imos camiño de ser un país de analfabetos. E en canto a aumentar impostos ou conxelar soldos, xa sabemos que os pagáns seriamos os de sempre e non os que cobran soldos fabulosos e fixan a súa residencia en paraísos fiscais. De modo que tendo a pensar que está ben tirar da hucha. Pero cando se acabe, que?