Eduardo Mendoza e o prestixio do humor

Olivia Tudela TRIBUNA

OPINIÓN

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Mendoza é prestixiado polas historias literarias por marcar un punto de inflexión na traxectoria da novela española con La verdad sobre el caso Savolta (1975). Agora ben, a crítica tende a separar a súa obra seria da que considera menor, unha narrativa xocosa e rebuldeira representada, especialmente, pola serie que protagoniza un detective a paos, tolo innominado que adopta os nomes dos que para el son a autoridade, como Sugrañes ou Asmarats.

Na tradición cultural española, o humor vén sendo un demérito para a consagración literaria. Como é posible no país de Quevedo? Condenado a ser unha excepción, malia proceder do Alcipreste e sumarse ao fluxo do humor negro e grotesco da picaresca, Quevedo non abondou, como tampouco abondara Cervantes, para a integración do humor como elemento de prestixio na literatura española. A consideración dos relatos humorísticos de Eduardo Mendoza insírese nesta anomalía, malia seren as novelas do divino tolo Sugrañes do mellor que ten dado a narrativa española nos últimos tempos -iso, sen desbotar outros títulos como Riña de gatos (2010), magnífica caricatura da inmediata preguerra española-. Mendoza ten precedentes ilustres, como Enrique Jardiel Poncela, que cifraba en Amor se escribe sin hache (1928) a súa potencia creativa humorística no feito de ser fillo de leite da luguesa María Rosa Cortón. Era a súa maneira de homenaxear, replicándolle, a W. Fernández Flórez, mentor no oficio literario que defendía a necesidade de nacer en Galicia para ser bo humorista. Ao estupendo diseccionador que foi Jardiel, como o foi tamén Mihura, das contradicións e absurdos do mundo burgués, faille Eduardo Mendoza unha homenaxe na súa última obra, El secreto de la modelo extraviada (2015): o detective, que xa non anda, senón que fai running para imitar a maioría dos transeúntes das rúas de Barcelona, aparece no interior dunha casa de familia burguesa e decadente. Entón, xunto á impertérrita doncela Blancaflor, observa a galería de personaxes chalados que baixan esbardallando pola escaleira ao máis puro estilo de Eloísa está debajo de un almendro (1940).

É certo que como ironía, denuncia social ou expresión da melancolía, a tradición literaria galega leva termando do prestixio do humor desde sempre. Moito se ten reflexionado sobre o humor galego desde o escarnio e maldicer medieval ata a contemporaneidade de Labarta, Risco, Castelao, Magariños, Cunqueiro e Rivas, entre outros. Seguirá mantendo a consideración crítica que se merece? Sería terrible que empezase a perdela por influencia dunha tradición literaria española que non presta a atención debida ao humor de Valle-Inclán, Torrente Ballester, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez ou Camilo José Cela.