O debate de investidura

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

siro

Empezou o 18 de febreiro de 1981 e rematou dous días despois. Foi o primeiro da monarquía parlamentaria porque Suárez se negara a facelo en abril do 1979, malia as protestas da oposición.

Socialistas e comunistas viron no discurso do candidato unha proba da dereitización da UCD, e Coalición Popular de incompetencia para gobernar. Só Ernest Lluch, dos socialistas cataláns, que sería asasinado por ETA, aludiu á tensión nos cuarteis, ao relacionar as minorías antidemocráticas nalgúns corpos coa súa falta de formación técnica.

Política económica, lei de divorcio, proceso autonómico e ingreso de España na OTAN foron os temas de maior confrontación. Con cortesía parlamentaria en todas as intervencións, agás a de Fraga, en opinión de Calvo Sotelo, a quen non respondeu. A voz dun Fraga perplexo chegou a todo o hemiciclo:

-¡Coño, no me responde!

Calvo Sotelo conseguiu 169 votos e faltáronlle 7 para acadar a maioría absoluta. Tivo os da UCD, 3 de CD, e 1 do Grupo Mixto; abstivéronse CD, Minoría Catalana e dous deputados do Grupo Mixto; votaron en contra a esquerda, nacionalistas vascos, andalucistas e parte do Grupo Mixto, que sumaron 158. A segunda votación faríase o día 23.