Lei suprema da sinrazón

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se lanza unha moeda ao aire, pode saír cara ou cruz. Se a lanza repetidas veces, poderá ocorrer que lle saian varias caras seguidas. Pero se a tira mil veces, verá como o resultado se aproxima a algo parecido a 500 veces cara e 500 veces cruz. É dicir, algunha vez sairanlle 510 veces cara e 490 veces cruz, noutra sairanlle 480 veces cara e 520 cruz... En 1730, Abraham de Moivre descubriu algo sorprendente: a probabilidade de que o resultado se desvíe do equilibrio 500/500 segue unha lei definida. Esa lei dinos que, se facemos a predición de que o resultado de tirar mil veces unha moeda ao aire será 500/500, a nosa predición terá unha incerteza no resultado final que será aproximadamente a inversa da raíz cadrada do número de lanzamentos da moeda. Como a raíz cadrada de 1000 é case 32, isto implica que a incerteza será da orde do 3% (1/32 é 0,03). O abraiante do asunto é que a descrición estatística dos comportamentos sociais segue a mesma lei, que foi definida a finais do século XIX como «a lei suprema da sinrazón», xa que domina o aleatorio.

¿Por que lles conto isto? Pois porque a meirande parte das enquisas de intención de voto que vemos nos xornais adoitan facerse preguntando a mil persoas. Polo tanto, en virtude desa lei natural suprema, calquera predición que se faga con esas enquisas terá como mínimo un erro do 3 %, xa de partida. É dicir, cando vexa que tales enquisas falan de cambios na intención de voto dun 1 % ou 2 %, lembre que as leis da natureza gobernan tamén a vontade humana.