Pantalóns rachados

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Capital europea con castelo sobranceiro e o Danubio a correr mansamente. Congreso de científicos co lema de Ciencia aberta (Open Science, que fica ben no idioma dos que non se dan ido da Unión). Dous congresistas maiores (avós ambos) vanse encontrar cunha dama moza (mai de pequenos). Os homes van vestidos de traxe e gravata, os pantalóns enteiros e ben pasados a ferro. A señora preséntase cun conxunto de chaqueta americana formal e pantalón rachado, polo que mostra atractivos anacos de perna.

Tras do encontro, para un consorcio de investigación, os vellotes comentan entre eles as rarezas da moda rachadora que lles alegrou o ollo. Despois, as negociacións do consorcio avanzan por correo electrónico ata que, de súpeto, as mensaxes entre os dous colegas varóns mudan de tema: seica a BBC descubriu o abuso de empresas turcas subcontratistas do téxtil. Utilizaban rapaciños sirios refuxiados para traballos que lles roían a saúde. Un deses choios infames era, precisamente, rachar pantalóns con ácidos que facían desprender fumes tóxicos.

E os negociadores retoman o fío do consorcio científico, logo de que un deles comentase como xa no século XXI segue a valer a letra dun tango do XX, Al mundo le falta un tornillo. Nela pídese «que venga un mecánico, p’a ver si lo puede arreglar».