Reválidas «franquistas»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

27 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Para que a vida siga todo ten que mudar. Para que os pobos progresen o ensino debe estar en continua evolución, co obxectivo final de que as persoas sexan sabias, xuntando coñecemento e experiencia. Ficar nos métodos antigos de ensino non vale, pois eses métodos vense arrolados pola realidade do que se descobre e se inventa (non pode haber exemplo máis claro cá explosión da telemática no medio do sistema educativo).

Iso vén ao fío da rebelión de ensinantes e ensinados contra as reválidas. Seica estas non son o mellor para demostrar a sabedoría adquirida en aulas e laboratorios, mais no pasado non había mellor método de contraste. As reválidas «franquistas» tiveron a súa razón de ser, e unha grande virtude. Cando só tiñamos libros e encerados, cando os experimentos simulados eran irrisorios, había que memorizar na esperanza de algunha vez experimentarmos de verdade: cumpría repasar e recordar.

E non esquezamos que as reválidas eran exames de Estado igualitarios. A eles enfrontábanse os alumnos dos ensinos público e privado a peito descuberto. Non lles valían melloras de notas en colexio ou instituto. As estatísticas cantaban: tantos alumnos presentados, tantos aprobados, notables, sobresalientes, con honra... As reválidas eran exames avaliadores globais, dos alumnos e dos centros.