A China moderna vista dende aquí

OPINIÓN

17 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un espléndido libro de Xulio Ríos (China Moderna. Una inmersión rápida, Tibidabo Ediciones) reflicte nunha moi apertada síntese o poderoso esforzo de modernización de China, dende a República de 1911, pasando por Mao e seguindo ata os nosos días: este non dubidaba en recoñecer que tivo un 30 por 100 de erros, pero que o resto foran acertos. A seguido veu o esforzo modernizador de Ding Xaoping, cos seus folgos descentralizadores, fomento da apertura ao exterior, recuperación do sistema educativo, as desigualdades de enriquecemento por zonas, continuado por Hu Jintao e Xi Jinping.

O rol do poderoso PCCh, con máis de 86 millóns de afiliados, ven ser unha actualización de vello mandarinato: a el hai que pertencer se se quere sobrevivir. Nótase a achega de Mao: adaptación do marxismo á realidade concreta de China, non marxismo abstracto. Pero soubo desbotar o non de Mao á inversión exterior, que a vía como penetración do imperialismo, conforme o desenvolvemento da economía China se foi potenciando ata ser a segunda do mundo.

Desenvolvemento rápido e obsesivo que, á par, creou moi graves, e lóxicos, problemas de medio ambiente. A fins dos oitenta a poboación urbana era un 10 por cento e para o 2020 vai chegar ao 60 por 100. Hoxe hai unha sociedade menos pobre pero máis desigual. A desigualdade e a corrupción son a sombra do crecemento chinés.

Taiwan, Macau e as 55 nacionalidades do inmenso país, con distintos niveis de autonomía, as tirapuxas polos mares de China, a súa pragmática política exterior -un capítulo maxistral-, pechan este libro que nos abre a unha experiencia única dun socialismo con características ad hoc.

Celebramos que dende aquí poidamos dar unha imaxe tan completa nunha síntese tan ben feita.