Sánchez ou o honor do Partido Socialista

Laureano Araujo TRIBUNA

OPINIÓN

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos personaxes máis fascinantes da historia viviu na Inglaterra do século XII, era chanceler de Henrique II e chamábase Thomas Becket. Conrad Ferdinand Meyer dedicoulle a novela O santo; T. S. Eliot, o drama en verso Asasinato na catedral e Jean Anouilh, a obra de teatro Becket ou o honor de Deus. A Anouilh gústalle imaxinar a Becket como un home tan mundano como agudo e enxeñoso, que ve como a súa vida dá un xiro tráxico o día en que acepta o encargo do seu amigo, o rei, de converterse en arcebispo de Canterbury e primado de Inglaterra. O obxectivo da operación argallada polo monarca é incrementar o control sobre o clero, pero Becket recoñece decontado os deberes inherentes ao seu novo cargo e non dubida en facer todo o contrario do que o rei espera del.

O tema desta historia medieval é un clásico da política que podemos recoñecer no que acaba de sucederlle a Pedro Sánchez. O madrileño dirixiu o PSOE desde que, o 13 de xullo do 2014, foi elixido secretario xeral pola militancia -era a primeira vez que tal cousa sucedía-, até que presentou a súa renuncia, o 1 de outubro do 2016. No seu acceso á cúpula do partido contou con poderosos avalistas, que viron nel unha figura ideoloxicamente agrisada e facilmente manexábel, sobre todo en comparación cos seus rivais naquel momento, Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias. Pero Sánchez, unha vez no seu despacho da sede federal, enfrontouse á resistencia electoral ofrecida polo PP e máis á dura competencia de Podemos implementando unha estratexia que pasaba por unha negativa rotunda, sostida sen vacilacións, a favorecer a investidura de Mariano Rajoy. Cando a liña imposta polo partido, a dun acordo PSOE-Ciudadanos-Podemos, se revelou impracticábel, o aparato -os famosos baróns (¡que concepto tan anacrónico para un partido da esquerda!)- descontrolouse tras constatar que Sánchez podía intentar prescindir de Ciudadanos e centrarse nunha negociación con Podemos e cos independentistas cataláns.

Tendo que escoller entre o honor de Henrique Plantagenet e o de Deus, Becket escolle o de Deus. Asume, por suposto, que o que o espera é a morte. Pouco despois, catro homes do rei asasínano na catedral de Canterbury. Sánchez tivo sorte de vivir na Europa occidental do século XXI: simplemente foi forzado a dimitir. É cedo para afirmar que está politicamente morto, e xa se verá cantos militantes do seu partido quererán esquecer a súa teimuda oposición a inclinarse ante o PP. En breve veremos se a Rajoy aínda lle interesa acceder á presidencia do Goberno de España grazas á abstención dos socialistas ou se xa prefire unhas novas eleccións cuxos resultados poderían beneficialo. Daquela descubriremos que sorte lle ten reservada o PSOE a Sánchez. En canto a Becket, a Igrexa católica non tardou en canonizalo.