Operación Armada

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

SIRO

A prensa facíase eco do que era un rumor crecente nos círculos políticos: para evitar o perigo dun golpe militar cumpría botar a Suárez e facer «un Goberno de salvación nacional», por canles constitucionais e co beneplácito do rei. Armada dixo que o proxecto lle chegara do entorno de López Rodó e pasoullo ao rei. Confirmoullo Sabino Fernández Campos ao xornalista Francisco Medina: «Y ese documento que, como digo, Armada me entrega, se le pasa al rey, que es para lo que me lo dio».

Cando Suárez anunciou á prensa que o PSOE quería levar un militar á presidencia do Goberno, dicía a verdade. Jordi Pujol fala nas súas memorias da visita que lle fixo Enrique Múgica para preguntarlle como se vería en CiU que se forzase a dimisión de Suárez e substitutuílo por un militar de mentalidade democrática. Pujol respondeulle que moi mal.

Non foi o único contacto. Alfonso Guerra e Gregorio Peces Barba sondaron a Marcos Vizcaya, do PNV; e un socialista sen identificar a Julen Guimón, da UCD vasca. Os críticos da UCD participaron na sondaxe e dous deles preguntaron a Arzalluz como vería un Goberno de concentración presidido por un militar demócrata ou un banqueiro. Arzalluz respondeulles: «¿Y por qué no un obispo?».