Era visto

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Alguén pensaba que o resultado electoral non ía ser máis ou menos así? ¡Que xa nos coñecemos todos!

Non sei. Parece que, en certos ámbitos, queda mal dicir que se é de dereitas ou se vota ao PP. Por iso poden oír a algunha xente protestar pola situación actual e esas cousas, pero... cando pechan o sobre para emitir o voto, teñan por seguro que a súa intuición non lles falla. Máis aló das queixas, da negación... se o nariz lles dá que votan ao partido que está no poder, teñen o 99 % de posibilidades de que sexa así. Por iso, no fondo, a ninguén nos estraña que o presidente da Xunta renove a súa maioría absoluta.

¿Por que, entón, se nega a realidade? Iso xa non llo sei. Ocórrenseme ideas, claro. Igual é que aínda queda peor dicir que nos auto-odiamos. Que non falamos galego porque pensamos que é de paifocos, de brutos, de ignorantes. Cando a ignorancia realmente é pensar que o idioma propio non é válido para calquera situación. Botámoslle de comer ás pitas en galego, pero imos mercar á vila ou á cidade nun incorrectísimo castelán. ¡E pensamos que o facemos ben!

Pero iso só me leva a crer que somos uns hipócritas. ¿Por que non dicimos o que realmente pensamos? Ou cando menos... ¿por que non calamos? ¿Por que mentir? Coma cando o xefe nos marea e protestamos pero logo acabamos facendo o que nos di e volvendo ao día seguinte sen facer nada por mudar a situación. Igual é que queremos ser coma o xefe.