O reto da paz en Colombia

Pancho Rey Tristán TRIBUNA

OPINIÓN

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno de Colombia quixo actualizar o reconto das vítimas do conflito armado e, dende o depósito dos espantos, agromou unha cifra demoledora: 8 millóns de damnificados tan só nos últimos 30 anos. E iso sen contar ao meu amigo John, ex soldado. Nin a moitos dos seus ex compañeiros do exército colombiano. Un día John contoume que conviviría para sempre con dores de estómago. «Por comer pasta de dientes», díxome. O dentífrico era o menú obrigado cada vez que quedaban illados no campo de batalla , sen poderen cazar, sen poderen recibir o apoio da aviación. «La pasta de dientes engaña al estómago, quita el hambre».

John, coma a práctica totalidade das tropas colombianas, procede das clases populares do país. O mesmo ca inmensa maioría das vítimas da guerra aberta entre o Estado e as FARC nos últimos 52 anos. Que só son unha parte de toda esta historia. Colombia leva en guerra máis de 200 anos. As FARC non foron máis cá antepenúltima expresión dun conflito endémico e secular. Colombia quere abrir un novo tempo. A era da paz.

De acordo coas enquisas, a poboación colombiana ratificará este domingo o acordo de paz asinado polo Goberno e as FARC, un texto modélico e inevitablemente imperfecto. O Estado e as FARC acordaron xerar unha xurisdición especial e transicional para os crimes de guerra de todos os bandos. As vítimas serán reparadas. Poranse en marcha ferramentas para a reinserción económica, social e política da guerrilla. O acordo ordena, ademais, a realización dunha reforma agraria. Colombia duplica en extensión a España. Pero en palabras dun personaxe do escritor e xornalista barranquilleiro Marco Schwartz, alí hai demasiada terra sen xente e demasiada xente sen terra.

Malia este panorama, o certo é que nas últimas décadas o conflito só se puido manter polo diñeiro sucio do comercio de coca. As FARC perderon calquera sentido político hai case tres décadas, se non antes. A penas tiñan xa quen os escoitase na esquerda colombiana. A penas falaban de política alén do minimundo dos seus campamentos. Só a coca mantivo vivo o conflito. No mapa mundial da cocaína, os países ricos poñen os consumidores. E Colombia pon, e seguirá poñendo, os cadáveres.

O xefe do equipo negociador do Goberno colombiano, Humberto de la Calle, afirmaba estes días que logo de 52 anos de ensaiar a guerra, o pobo colombiano ben merece ensaiar a paz. E que ese é o reto. E non lle falta a razón. Pero hai país abondo para afrontar o envite. Colombia é un país extraordinariamente rico en recursos naturais e biodiversidade, ten unha interesante tradición democrática e conta con algunhas das mellores institucións educativas de América Latina. Colombia é un país que gusta dos retos. Agora ten ante si o reto da paz.