A lingua da política

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non saben vostedes a canseira que me dá falar de política. Con todo, hai algún aspecto que me gustaría comentar. Moito se estivo a falar estes días dos candidatos, dos carteis, dos debates, dos mitins... do que din e do que calan, como e cando o fan, dos oportunismos... vaia, que o domingo hai unhas eleccións, está claro.

Ben. Se a lingua vivise nunha situación normalizada, non tería que entrar ao debate político. Pero, como non é así, acabamos falando dela. Que se os carteis non están escritos correctamente, que se os representantes dos partidos usan o idioma propio ou non, que se aseguran que aman a lingua do país... Vou ser sincera. Gustaríame que os nosos representantes falasen galego, por suposto. Pero que o falasen de maneira natural, sen imposicións, sen traducións simultáneas doutro idioma... como manifestei máis dunha vez, que o falen co corazón, ademais de coa cabeza.

Eu son das que prefiro que se fale o galego incorrecto a que non se utilice, pero moito me molesta cando aseguran que a inmensa maioría dos galegos coñece a súa lingua: «A sabe ler e a sabe escribir». Mais non sabe colocarlle o pronome. Polo tanto, é preciso unha política de protección.

Claro que despois de que como presidenta da Comisión de Cultura do Congreso, todos acepten a unha persoa coñecida por ser contraria á normalización da lingua... que imos agardar? Pouco.

E disto, temos culpa nós.