Noticias de verán

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis os meus paisanos pontevedreses celebraron a Festa do Demo: a saída de Belcebú, Lucifer, o Diaño Rabudo, armado con cornos e vestido de colorado, alancando polas calellas do barrio de San Bartolomeu o día 23 de agosto, véspera da celebración do santo. Unha vella tradición que se perdera hai cincuenta ou sesenta anos e que o concello da Boa Vila recuperou hai pouco máis dunha década.

Meu pai lembrábaa de neno, eu xa non. Contaba o meu pai que o tal día sinalado o sancristán da parroquia asomaba polo campanario da igrexa coa rapazada toda a recibilo. Os rapaces guindábanlle de todo, e o sancristán respondía con melindres e cornechos de pan gramado. Tal contaba o meu pai, e mais que o sancristán chamábase Dominguiños, e que era pequeneiro e algo coxo, arrastraba unha perna quero dicir, o que lle daba máis realismo ao asunto.

Son as tradicións da Boa Vila, a miña patria do Lérez, tan chea de vellas historias, que neste caso o concello tivo a intelixencia de recuperar, mesmo con éxito de público e crítica. Parabéns. Nestes tempos que corren, hai que poñer velas a todos os santos e, como advertían os vellos, «o diaño tamén é xente». Quen sabe aínda do que haberá que botar man, ou con quen haberá que pactar para seguir adiante. Esta mestura de humor, festa popular, retraca e memoria histórica agradécese na canícula de agosto. ¿De onde vén a tradición? Contaban os vellos que na véspera de San Bartolomeu danlle 24 horas de respiro ao diaño, que nesta historia ten nome: Astaroth, un dos diferentes apelativos cos que se nos presenta o Maligno, segundo don Vicente Risco, neste caso especializado en pleitos e cerimonias de confusión, pois seica no Gran Combate do principio dos tempos, que se librou entre os Anxos Bos (Obedientes) e os Anxos Caídos, ao tal Astaroth metérono no bando dos perdedores, o que nunca el aceptou. Considerouno unha inxustiza, enredo de mesturadores, e anda en pleitos dende aquela. Outros din que a súa especialidade é a seducción, mesmo non sendo demasiado agraciado. Preséntase tan lucido, tan falangueiro e co tanta retórica que causa estragos, sobre todo entre o mocerío. En México fan limpas periódicas contra o personaxe, que frecuenta os bailes populares e namora as rapaciñas novas coas súas artes de engano e as súas dotes de bailarín. Para descubrir a súa identidade hai que buscarlle os pés, que son pezuños de macho cabrio, como ben se sabe. O Santo Bartolomeu localizouno agochado no interior dunha estatua na cidade de Éfeso, onde prometía cousas que logo non se cumprían. En fin, amarrouno cunha cadea e dende entón sae a respirar esas vintecatro horas, na véspera do 24 de agosto, aínda que hai quen asegura que en realidade liscou para as Américas, aproveitando os cambios revolucionarios que trouxo a descuberta do Novo Mundo, e que anda ceibo todo o ano, alá e acá. Ten moito predicamento na raia de California e nos pagos de Yucatán, e mais nalgunhas vilas de Italia e na vella Castela (Sepúlveda), que conservan a tradición do Diaño preso polo santo Bartolomeu.