Burkas e burkinis

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca deberan inventarse burkas, burkinis, refaixos, sandalias okobo e todas as prendas que ostentan a represión das mulleres. Pero inventáronse. Porque todo o relativo á nosa aparencia é cuestionable. É sexista vestírmonos con e sen tacóns, maquillármonos, amosar e non amosar as nosas curvas, deixar o cabelo longo ou cortalo a lo garçon. Os nosos propios corpos son sexistas porque non son corpos, senón imaxes de nós coma fontes de pecado. Somos serpes, aquí e en Siria.

Pero ata agora había unha diferenza entre vivir en Kabul e vestir co burka, e vivir en Niza e tomar o sol en burkini: en Francia era unha opción e en Afganistán unha obriga legal. Francia adoitaba entender que as praias e as rúas non son espazos públicos coma a Asemblea Nacional, a televisión estatal ou as universidades. Á Francia que antes lograba que as musulmás entenderan a noxenta simboloxía tras esas prendas, agora dálle por prohibilas, ostentando máis ignorancia ca sentido democrático. E os mesmos que se escandalizan cos burkinis, aceptan o hábito das monxas, igual que admiran encantados a noivas cubertas con veos que son entregadas por homes a outros homes.

Aborrezo esas prendas polo seu significado, como aborrezo certas homilías dalgún famoso bispo. Aínda me gustan menos as mulleres que queren levalo podendo non facelo, igual que non soporto ás que optan polo rol de esposa e nai dicindo que así reivindican mellor ca min a condición feminina. Pero os que me parecen verdadeiramente perigosos son os que pensan que o Estado ten que tutelar o vestiario das mulleres, coma se fosemos parvas.

Antes Francia non se parecía en nada a Afganistán.