Fotopoemas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre houbo escritores a desprezar os medios técnicos que ían aparecendo para axudar á creatividade (Blanco Amor escandalizábase con que se usase o ordenador para escribir). Hoxe aínda hai dese tipo de escritores contrarios ao progreso: os que consideran as redes sociais como algo cativo, non para divinas elites creadoras. Craso erro, pois neste intre «so existe o que existe na web».

Por iso é unha ledicia saber doutros creadores que si comprenden como a telemática abriu novos espazos para se expresaren e conseguiren que a obra se lles coñeza polo mundo adiante. E así se está a producir o fenómeno da fotopoesía, que en Galicia vai adquirindo carta de identidade. No último número da revista Grial hai un artigo de Helena Villar Janeiro, Pintando con palabras, no que a poetisa mostra a súa outra faceta, a de captadora de instantáneas emocionantes, e fai recordar a beleza do que nos ofrece a cotío no Facebook, brevísimos poemas provocados por fotografías. Son conxuntos penetrantemente suxestivos, altisimamente poéticos: Helena é unha mestra da arte fundida. E non está soa na rede das redes: xunto a ela hai outros artistas a ofrecer a modalidade do poema ilustrado... Sexan todos benvidos, e observen os críticos que naceu un xénero gráfico-textual non necesitado de vellos soportes..