¿Quen teme aos comités de ética?

Miguel Anxo García TRIBUNA

OPINIÓN

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na sociedade coexisten diversos códigos morais. Na vida privada cada persoa segue as súas propias crenzas. Mais na relación social é imprescindible o acordo básico sobre o que é válido para todos e o que non o é. É dicir: en sociedades plurais necesitamos unha ética compartida, un sistema de valores có que toda a sociedade se identifique, para sustentar a convivencia e orientarnos nas decisións e accións públicas ante novos desenvolvementos científicos e sociais. Esa ética está en construción permanente, ten como contido básico os valores xa acordados pola humanidade expresados na Declaración Universal de Dereitos Humanos e, dentro dese marco de referencia, adopta como método para o seu desenvolvemento o diálogo e a adopción democrática das decisións.

Os comités de ética, presentes en moitos países do mundo e en múltiples institucións sociais (centros de investigación, centros sanitarios, empresas de servizos, residencias de maiores, centros educativos e mesmo Estados) son un dos instrumentos construtores desa ética compartida mediante a análise e valoración polos seus integrantes daquelas cuestións que se producen no seu ámbito de actuación.

Os comités de ética asistencial (CEA) atenden ás cuestións propias da atención sanitaria e orientan sobre a acción preferible eticamente a profesionais, usuarios ou directivos cando llo solicitan. Como xa prevía a lexislación galega ata agora, a primeira función dun CEA é a protección dos dereitos dos pacientes. Para desenvolver a súa misión, os comités deben pensar por si mesmos, ser independentes da xerarquía da institución e non presupoñer a resposta ética antes de coñecer e estudar a cuestión (non hai doutrina ética, nin xerarquía de órganos éticos, nin verdade prefixada, nin popes infalibles, só hai, e non é pouco, acordo universal sobre as grandes cuestións valiosas). Tamén deben saber dialogar e adoptar métodos válidos para analizar os problemas e tomar decisións.

A reforma da norma legal que os rexe, impulsada pola Consellería de Sanidade, limita sen xustificación a independencia dos CEA: incorpora directivos das xerencias aos mesmos, non establece un procedemento democrático que garanta o dereito de todos a participar na súa actividade, subordínaos á Comisión de Bioética de Galicia (órgano político asesor da Consellería elixido discrecionalmente polo titular da mesma), e prevé que a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria reciba copia dos seus informes, arriscando sen xustificación a intimidade das persoas ás que se refiren.

Só se busca controlalos. Por se acaso.