A curva da Grandeira

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En setembro de 1976, aínda estaban activas as institucións do franquismo, un tren de pasaxeiros procedente de Santiago chocaba á altura de Rande cunha máquina de mercadorías que viña en dirección contraria procedente da estación de Guixar. O impacto foi impresionante. Algunhas pezas do comboio esfragaron pola barranqueira abaixo cara á ría. Quince mortos e 29 feridos. Eu estaba alí, cubrindo a información dende a infantería do xornalismo. Difícil esquecer aquela xornada. Aínda teño algunha amiga incapacitada pola gravidade das secuelas: botou anos sen apenas poder mover o corpo. A vida muda en décimas de segundo. As causas do accidente de Rande-Guixar tamén se atribuiron daquela ao factor humano: un operario que seica non dera aviso dende o cruce de agullas para que se activasen os semáforos. Logo, foron saíndo máis cousas: as deficientes instalacións de seguridade, que apenas pasaban de Guillarei, o sistema de avisos de emerxencia, o estado da rede viaria e a antigüidade das máquinas que facían o servizo, etcétera. Mais Renfe deu carpetazo, daquela era ministro do ramo o galego Calvo Sotelo, e o asunto ficou sen máis transcendencia. As vítimas foron saíndo adiante como puideron e algunhas indemnizacións, que houbo que negociar mesmo pola porta de atrás para dar conta das necesidades máis urxentes, tardaron anos en concretarse.

Malia o tempo transcorrido dende entón, o suceso de Angrois aseméllase bastante ao de Rande. Onte, este xornal daba conta do estado das indemnizacións da curva da Grandeira: 80 mortos e unha chea de feridos de diversa consideración e con distintos procesos de recuperación.

Despois do de Rande, a sinistro de Santiago foi a meirande catástrofe que sufriu Galicia na historia toda do ferrocarril. Mais o peor é o silencio, o ocultamento, a sensación de impotencia que os familiares das vítimas, os veciños de Angrois, a cidadanía en xeral leva dentro si, sen saber ás veces de quen botar man ou a que porta petar.

A peor de todo é o derrubamento da credibilidade do sistema. Nesta cuestión e noutras. A resolución da Axencia Europea denunciando o que moitos salientaban, mesmo editoriais dalgúns medios de comunicación: que o informe da Comisión Española de Accidentes Ferroviarios non era de fiar, nin imparcial nin independente, que moitas preguntas quedaron sen facer (ou sen contestar), que as responsabilidades de fondo non están ben resoltas, unido todo ás presións que dende o poder político se fixeron para que non se dese a coñecer o texto, ou que se dese a coñecer con retraso, é unha nova labazada na cara da cidadanía, diante da cal seica queren que volvamos mirar para outra parte. ¿Para onde?

Dende Fomento din que non poden reactivar o informe descalificado por Bruxelas, que os servizos xurídicos do Estado non o permiten.

Pois para iso están as institucións políticas da democracia: para abrir un novo proceso, entregado a especialistas competentes (non á retórica dos partidos, por favor), para que as responsabilidades fiquen onde deben ficar.

Tamén isto é memoria histórica.