Franqueira contra ETA

OPINIÓN

23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eulogio Gómez Franqueira, empresario creador de Coren e deputado de UCD, tiña 63 anos cando o 9 de xuño de 1980 cinco homes e unha muller -todos xoves- chegaron á súa casa en Razamonde, no concello ourensán de Cenlle, con intención de secuestralo e canxealo por varios presos vascos. Díxollo Zapatones, o xefe, que empezou dándolle una hora para xuntar vinte millóns de pesetas. para pagar o rescate, pero rematou recoñecendo que o levarían con eles e non o liberarían nin por mil millóns.

A Franqueira salvouno a serenidade, a determinación de enfrontarse ao comando e o feito de estar en pixama cando os secuestradores chegaron. Ao dicirlle Zapatones que se vestise, foi á habitación e o etarra acompañouno ata a porta. Antes de quitar o pantalón, Franqueira entornouna un pouco e o etarra, entendendo o seu pudor, permitiullo. Entón Gómez Franqueira colleu unha pistola, disparoulle e feriuno no colo. Zapatones caeu, Franqueira apagou a luz e botouse ao chan entre as dúas camas mentres lle disparaban desde a porta. O ferido estaba grave e o comando fuxiu para levalo a un hospital. Colléronos a todos.

A Franqueira corresponderíanlle dous millóns de pesetas por facilitar a detención. Non se sabe se as cobrou.