A hora da loucura

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 jul 2016 . Actualizado a las 11:24 h.

¿Lembran aquel piloto de Germanwings que, no 2015, esnafrou un avión con 150 persoas a bordo? Seica toleou porque tiña unha enfermidade que lle impediría seguir cumprindo o soño de voar. Chamábase Andreas Lubitz e era alemán. Os mozos que volvían dun intercambio, os cantantes de ópera, dous bebés, todos nas mans dun tolo que deixou os soños dos demais ciscados polos Alpes. Pois imaxinen que Andreas Lubitz non fose alemán, senón afgán ou turco, coma tantos alemáns. Imaxinen que festa en certos enclaves de Siria, e o vídeo fachendoso de Abu Bakh al-Baghdadi, xefe do Estado Islámico, outorgándolle honores como soldado de Alá.

Pero Lubitz só era alemán e por iso as familias dos mortos puideron atribuír a súa dor á simple loucura dun home triste. Se cadra, algunha das persoas que sabía que onte ía morrer no centro comercial Olimpia de Múnich -nun ataque terrorista ou xenófobo- tamén pensaron nos seus últimos segundos de consciencia que a vida é así de caprichosa, e ás veces o destino depende dun tolo. Diso sabe moito o pobo alemán, por desgraza.

Mohamed Laouhaiej Bouhlel, o terrorista de Niza, tamén estaba tolo. Pero non era piloto, así que animou os instintos suicidas co fundamentalismo islámico, que é maníaco-obsesivo por definición, e fixo algo semellante a Lubitz: planificouno, alugou un camión e atropelou a 84 persoas. O EI agárdaos cos brazos abertos, porque son baratos e efectivos, e porque sabe que é tan difícil controlar a todos os toliños de Europa.