Pólvora mollada

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

17 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Con posicións inxenuas sobre a cuestión do poder militar non se acada ningún obxectivo... O poder político xurde do barril de pólvora... Quen queira acadar e reter o poder do Estado debe ter un Exército forte». Así falaba Mao Zedong, un dos revolucionarios máis exitosos da historia á hora de acadar e reter o poder, na sexta reunión plenaria do Comité Central do Partido Comunista chinés. A reunión, e o discurso, son de 1938; é dicir, máis dunha década antes da proclamación da República Popular que Mao presidiu ata a súa morte en 1976.

A coñecida referencia de Mao ao barril de pólvora, con independencia do vencello ideolóxico que elaborou co marxismo-leninismo («de acordo coa teoría marxista do Estado, o Exército é o principal compoñente do poder estatal», proseguía no mesmo discurso), o certo é que a historia mundial contemporánea está salpicada de infinidade de intentos de golpes de Estado, continentes, latitudes, ou culturas á marxe; tal e como unha ollada rápida á Wikipedia testemuña: apenas hai ano do século XX no que non houbera un ou varios intentos de golpe militar nalgún lugar do planeta; e só no que levamos de século XXI van máis de 35, ao que se suma o afortunadamente fracasado de antonte en Turquía.

Algúns economistas políticos teñen tratado de pescudar cales son as chaves explicativas de tanta actividade golpista e os factores que determinan, primeiro, a propia existencia dos golpes e, segundo, as súas posibilidades de éxito. Como sempre que se trata de realidades sociais complexas, son explicacións formais, con certo contraste empírico, pero en todo caso complementarias doutras de carácter sociolóxico, psicolóxico ou histórico. Pero que establecen algunhas hipóteses interesantes, máis alá da obvia organizativa que explica que a inmensa maioría de intentos de modificación do sistema político pola forza veñen da man dos militares polo feito de que son un grupo pequeno, xa organizado xerarquicamente e formado por persoas que teñen, en xeral, menor aversión ao risco ca media (como demostra o famoso «o caja o faja» do que era tan consciente Prim) e os instrumentos necesarios para empregar a forza.

Entre outras hipóteses con certo respaldo empírico que explican o fracaso dos golpistas figuran: a existencia de poucas dificultades ou barreiras de entrada para o acceso á función pública (en xeral, tanto como empregados públicos como en postos de responsabilidade política), porque permiten o acceso ao poder ou o cambio de políticas sen recorrer ao emprego da forza; a existencia de mecanismos de redistribución, porque reducen a capacidade de apropiación e enriquecemento das elites gobernantes; e o grao de apertura económica, porque a inestabilidade política frea o investimento estranxeiro, o comercio exterior e o crecemento económico, reducindo a capacidade de enriquecemento das elites gobernantes ou «extractivas», por empregar axeitadamente e no seu contexto a expresión de Acemoglu e Robinson. Factores que contribúen a comprender por que os sistemas democráticos avanzados son, practicamente e en liñas xerais, inmunes aos golpes de Estado.

Así, o fracaso do último intento de golpe militar na Turquía que intenta avanzar na democracia e formar parte da Unión Europea, e pese a lamentable cifra de mortos que deixa tras de seu, é síntoma e á vez mostra de que o mellor remedio contra o golpismo militar é, precisamente, avanzar no sistema democrático, na apertura económica, e na redistribución da renda. Con esas armas a pólvora do barril de Mao é un barril de pólvora mollada.