O que un fai na soidade

Lars Christian Casares Berg
Christian Casares DENDE ESTA MARXE

OPINIÓN

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Están medrando orgullosas este días as mazás na árbore que plantou na finca da casa de Nigrán, desde as que se podía explicar tamén o mundo, por que non, sendo protagonistas da súa columna diaria. Seguen aí. Tamén a súa obra. Non está xa, sen embargo, o gato Samuel, despedido, non sen certo apuro, cos honores dunha páxina enteira deste xornal, nin a cadela Leda. Xa non hai marido de Kristina, Kinna para el, para nós, para todos, en realidade. Nin muller de Carlos. Pero si está o pai, o irmán, o tío, o avó que non puido ser, pero que será. O amigo. Sobre todo o amigo.

Tantos anos despois da súa morte, aos seus séguenos abraiando que a súa dimensión humana continúe a eclipsar á literaria. Convencido como estaba, lonxe da pose e dende a militancia diaria, que era máis divertido falar ben da xente que mal, sen ter por elo que renunciar a nada, aquela forma de construír perdura no recordo, nos amigos que cultivou. Foron moitos e seguro que hoxe pensarán no amigo máis alá do escritor. É lóxico. Tamén acude á familia o recordo do ser querido.

«No fondo, un escribe para isto, non sei se para sentirse querido ou admirado, pero si para notar que hai quen le o que un fai na soidade», escribiu unha vez. Na súa soidade creou universos que nos daba a probar aos poucos, narrados na sobremesa familiar sendo rapaces. Só anos despois, relendo a súa obra, con ollos adultos, un identifica os xiros, as historias que foran adiantadas en exclusiva ante un público íntimo, non se sabe se por testar se funcionaban ou como simple regalo para o futuro, como se fora unha fermosa herdanza en diferido que un recolle, case sempre por sorpresa, ao abrir un dos seus libros ou ao reler os seus artigos. Durante moitos anos e ata o día da súa morte, ocuparon, precisamente, este recuncho do xornal, ao que asomaba, polo prezo dunha mazá, un mundo enteiro. Dende aquí, felices Letras Galegas 2017 a todos.