Milagres

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu quería un milagre. Mais, sinceramente, xa non contaba con el. Porque os milagres, coma os soños, son moi difíciles de conseguir. Con todo, desexaba unha fantasía feita realidade. Quería un dirixente, un partido, un cambio, unha corrente ou un ideario capaz de convencer á inmensa maioría deste país porque enchese a ilusión da xente, e a fe. Pero era, como dixen, un milagre. Quizais por iso as eleccións foron como foron. Non unha segunda volta nin unha nova convocatoria. Non. Foi unha repetición das de hai uns meses. E saíu o que saíu, algo moi semellante ao que xa tiñamos. Certos matices, si, pero demasiado similar. Ao final, estamos xusto coma quedamos. Nin máis nin menos. Os números son moi aproximados aos que viñamos de facer hai nada. Por certo, unhas cifras coas que fomos incapaces de atopar un Goberno para o país.

O que xa non sei é se o pobo non sabe o que quere ou, pola contra, sábeo perfectamente. É dicir, busca o que xa tiña. Quero crer que nos manifestamos para acabar cos totalitarismos e as maiorías absolutas, que nunca me gustaron. Pero por outro lado... non somos quen de mudar a situación, ou é que non hai nada mellorable ou nada mellor? Isto é precisamente o que me preocupa.

Claro que deberiamos ter en conta que, neste tempo de reflexión, ningún partido mudou en gran medida a súa actitude como para ofrecer un novo horizonte. Por que, entón, habían cambiar os votantes de parecer?

Milagres os xustos. Agora a ver se non fai falta un para que haxa, por fin, Goberno.