Mentir a pé de urna

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

28 jun 2016 . Actualizado a las 09:15 h.

Segundo a enquisa realizada a pé de urna por Sigma Dos para TVE e TV3, o PP podía conseguir entre 117 e 121 votos. Podemos sobrepasaba ao PSOE con 91- 95 fronte a 81- 85, e Cidadáns quedaba entre 26-30.

No reconto oficial , con apenas un 30 % escrutado, o PP plantábase nos 130 e o PSOE mantíñase como a segunda forza. E Podemos caía aos 70. Despois o PP seguiu subindo ata os 137 escanos cos que nin os máis optimistas do partido soñaban. No número de escanos de PSOE, Sigma Dos acertou. ¿Como puideron equivocarse tanto respecto ao PP e a Podemos? Ou quizá a pregunta debe ser: ¿Por que a xente non di a verdade sobre o que votou ou o que vai votar? Un amigo dime: «Porque o voto é secreto e é unha impertinencia preguntar. A xente séntese violentada».

Creo que iso non sucede cos mozos. Eles non se cortan en dicir que o PP e PSOE son «o mal coñecido». Quizá fose esa sinceridade dos votantes novos de Podemos o que produciu a impresión enganosa do sorpasso. Porque parece claro que os votantes do PP non dixeron o que votaran. Con isto non quero dicir que a dereita minte máis que a esquerda, ou os conservadores máis que os que queren un cambio. No Reino Unido, a última enquisa daba a vitoria ao in e nas urnas saíu out, que é a opción dos vellos, os conservadores e os ignorantes. Alí os do out xa se están arrepentindo. Confío e desexo que aquí non pase o mesmo.