Que se vaian

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 jun 2016 . Actualizado a las 11:07 h.

É lóxico que queiran irse. Nunca se sentiron cómodos e incordiaron desde o primeiro momento. Un pobo que conduce ao revés que o resto de Europa, que ten un sistema de pesas e medidas diferente, cunha moeda que non se divide polo sistema decimal, e que historicamente estivo en guerra cos países importantes de Europa ¿como vai querer unirse aos que considerou inimigos ou, rivais, ou xente desdeñable que non fala o seu idioma e que vai ao seu país para aprendelo ou a buscar traballo? Aos turistas tamén os desdeñaron sempre.

Sexa cal for o resultado da consulta, a realidade é que unha maioría de ingleses, sobre todo das zonas rurais, non queren estar en Europa. Aínda conservan as ínfulas de ser un imperio colonial e senten a Commonwealth como o seu lugar propio. Están convencidos de que pertencer a Europa prexudícaos, falan de perda de liberdade, de falta de democracia e están convencidos de que poden relacionarse con calquera país sen necesidade da Unión Europea.

Os políticos teñen os seus propios intereses tanto para defender o in como o out, pero a maioría da xente non sente unida a Europa, ve só os inconvenientes da emigración e da axuda económica aos países menos desenvolvidos.

Se triunfase a permanencia (os votos poden mercarse) James Cameron seguiría incordiando para conseguir privilexios e así contentar aos seus cidadáns. Mellor que se vaian dunha vez, e asumir os riscos e as consecuencias de non prever que isto ía pasar.