Tempo de exames

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

hega a época dos exames e constátase, unha vez máis, a incapacidade de moitos estudantes para afrontalos con éxito, non tanto pola falta de coñecementos como pola carencia de técnicas adecuadas de estudo e de expresión. Canto máis enriba está o alumno no sistema educativo, máis acusado é este déficit, que se manifesta en aspectos tan esenciais como a falta de comprensión lectora, de orde e coherencia na exposición oral e escrita, ou de relación e síntese de conceptos. Aspectos que son esenciais no ámbito académico, pero tamén para o pleno desenvolvemento persoal e profesional.

Desde a entrada na escola, os mestres fan un ímprobo esforzo por inculcar aos nenos unhas sólidas destrezas básicas centradas na lectura, escritura, cálculo e razoamento científico. Pero pouco a pouco esta base vaise perdendo, pola irresistible influenza das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), que están a potenciar unha absoluta obsesión polo audiovisual. Resulta imposible manter o interese por ler ou escribir. Para que o acto lector sexa eficaz, requírese un esforzo que vai desde a velocidade ou concentración ata a comprensión e relación de coñecementos. E para que se converta nun hábito, é necesaria a súa práctica constante. Pero é moito máis atractiva a pantalla có papel, pois diante daquela adóptase unha cómoda postura de pasividade, que acaba por crear hábito.

Cando falla a lectura, o edificio formativo cambaléase, pois o seu dominio é a base do sistema educativo e mesmo da nosa cultura. Sen el, a expresión escrita e oral reséntese, sendo incapaz o alumno de manter un discurso organizado e completo sobre o que pensa ou sabe. Dá pena ver os escritos, redaccións ou resumes que fan moitos estudantes, mesmo no ensino superior. O abuso das tecnoloxías provoca falta de concentración e de memoria; a linguaxe icónica ou audiovisual despraza a textual, relegando lectura e escritura a un segundo plano; hai superficialidade, non profundidade; un código de comunicación, en fin, rápido e carente de normas substitúe á sintaxe tradicional. Pero isto non é, polo momento, o que segue a demandar o sistema educativo.

Tendo en conta que as técnicas de estudo e de traballo intelectual están tamén baseadas na lectura e na escritura, a preparación dos exames e das probas que inevitablemente teñen que facer os estudantes reséntense como consecuencia. Non hai velocidade lectora nin boa comprensión; escríbese con moita lentitude; non se esquematiza ben; falla a memorización... O alumno está desexando volver ao seu móbil ou ordenador. E con eses aparatos atópase como peixe na auga. Mágoa que as TIC non se vaian integrando plenamente no ensino, pero non coma un fin, que está resultando prexudicial, senón coma un medio, que pode ser moi positivo!