Sabino Torres, in memoriam

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixounos onte ás nove menos cuarto da mañá, en Madrid, na casa da súa filla María. Este verán -como todos os veráns- agardabámolo para recitar poemas -unha das súas paixóns-, para asistir ao Foro de Portonovo e para homenaxear a Borobó, o noso querido e admirado amigo, no centenario do seu nacemento. Sabino Torres Ferrer cumpriría 92 anos o 24 de xuño; cónstame que hai poucos días aínda conversaba con moito entusiasmo na súa casa (in doloris lecto) con Vicente Araguas e outros compañeiros do Grupo Bilbao de Madrid. Falaron de poesía e dunha revista literaria que o grupo madrigalego vai estrear axiña.

Tiña Sabino Torres unha biblioteca de poesía verdadeiramente formidable, pois desde moi novo foi lector devoto de non poucos poetas. Novo aínda, en 1949, creou unha colección de poesía en Pontevedra, a primeira en Galicia despois da Guerra Civil. El e os compañeiros da aventura -Emilio Negreira, José Ruibal, Rafael Alonso...- bautizárona cun nome subversivo, que iso era a poesía naquel tempo mísero e ríspeto: o do pirata Benito Soto, pontevedrés coma eles. Na colección estreouse Sabino Torres co libro Como el río, en castelán, a lingua na que o noso autor se sentía mellor instalado para as tarefas poéticas e outras tarefas literarias. Excelente poeta, non son desdeñables as súas incursións no galego, entre elas o libro Intres de soidade, que eu lle prologuei (Ediciós do Castro, 2001).

Nos últimos vinte anos dirixiu a colección, por el fundada, Hipocampo Amigo, onde acolleu voces moi distintas da poesía galega, sen excluír as voces republicanas, algunhas moi comprometidas. Cónstame que algúns volumes foron financiados, en parte, por el. Era, pois, editor e mecenas, e érao porque o seu compromiso coa causa poética era moi fondo.

Cando en 1949 inventa a colección Benito Soto, a aventura poética naceu cun aliado moi eficaz: Gráficas Torres, ou sexa, a imprenta pontevedresa do seu pai. Catorce foron os volumes que publicou a colección, oito deles en galego, algúns tan significativos como Dona do corpo delgado (de Álvaro Cunqueiro), Triscos (de Luís Pimentel), Anxo de terra (de Ricardo Carballo Calero), Muiñeiro de brétemas (de Manuel María) e As canciós d?ise amor que se diz olvido (do poeta andaluz Juan Pérez Creus). Co falecemento de Sabino Torres a causa poética está de loito; tamén os amigos, os moitos amigos deste cidadán ilustrado e machadianamente bo.