Un elemento para a mellora

Paco Barros TRIBUNA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde os centros da ensinanza concertada vemos este tipo de probas como un elemento máis ao servizo da mellora dos nosos proxectos educativos.

As probas de diagnóstico, non vinculantes, coma son a de terceiro de primaria e a final de etapa de sexto, son un instrumento engadido a outros xa existentes e á avaliación continua dos docentes para chequear debilidades e fortalezas da práctica docente. Deste xeito, no momento en que aparecen datos significativos podemos deseñar plans de mellora que sustenten unha acción educativa de maior calidade. Ademais para as familias do alumnado son un indicador, cuns criterios comúns externos de referencia, para que teñan un dato máis sobre a evolución formativa dos seus fillos.

Estas probas adquiren maior significatividade cando se poden analizar sostidas no tempo, é dicir, é mellor unha foto da evolución académica en dous momentos diferenciados da escolaridade que nun só, como se estaba a facer en cuarto de educación primaria ata o de agora.

Evidentemente que atopamos lagunas, pero como pasa case sempre están no como se fan as cousas. Lamentamos que non houbera información de abondo con máis anticipación (xeito de aplicala, momento do curso?). Houbésemos minorado os momentos de incertidume no profesorado, a ansiedade nos alumnos diante do descoñecido e se houbese empatizado máis cos executores reais dunha lei que nace con cantidade de prexuízos políticos, evidenciando novamente a necesidade que ten este país dun Pacto Educativo.