Manuel María, 19M

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

19 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe tamén. Dous días despois do Día. Hoxe repitamos, convencidos, viva a literatura galega. E vivan os versos de Manuel María, a súa voz que ecoa en cada recanto deste país de marabillas, pórtico de todas as glorias. Hoxe tamén leamos na lingua propia deste país. A lingua que nos fai diferentes, distintos e distinguidos. A lingua dos vellos, a que se inventou cando as cousas do mundo aínda non tiñan nome nin lugar. Hoxe non deixemos que pase o día, que tamén é das Letras Galegas. Que non chegue a noite sen pousar na pel nosa o recendo da alma, ese que pronuncia donosiña, bolboreta, améndoa, cenoria ou chuchamel. En galego. Porque ten sabor de cereixa e uva. En galego, porque esa era a lingua que a voz profunda e grave e solemne de Manuel María levou a cada átomo de terra do noso país. En galego, porque con el vai a nosa historia: a que nos roubaron e a outra, esa que se reconquista a golpe de amor. Amar este país é amalo trescentos sesenta e cinco días. A tempo completo. Amar este país é ter a Manuel María nas aulas, cantándoo e contando os seus versos con ollos de auga, limpos e transparentes. Ollos como os do poeta de Outeiro de Rei, o poeta, punto. A Manuel María hai que erguelo hoxe tamén sobre o tempo escuro do presente. Amidonado entre diatribas políticas e políticos que politicamente fan da lingua un instrumento político. A lingua únenos. A lingua debúxanos como somos e como queremos ser. A lingua é o pan noso e sabe a trigo ou mar. Por este motivo, dous días despois do Día, quero que se volvan e revolvan no teu interior os versos de Manuel María. Os que dicían amor e vento, Casa de Hortas e Saleta, melancolía e orgullo. Cabeza alta, Galicia.