Femias

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non me repuxen do desgusto de que ás camareiras as contraten polo tamaño dos seus peitos (obviamente teñen que ser grandes). Hai quen me di que non me poña así, que iso é un caso illado. Que quen sabe sequera se non sería unha soa estafa. Eu insisto en que a un home non lle pasaría iso. Nin sendo un engano.

O caso é que aínda non me saíra iso da cabeza, cando... zas! Outra! Nin máis nin menos ca un exportavoz do Goberno estatal. Miguel Ángel Rodríguez, cualifica a unha política (teoricamente dunha formación do máis semellante á del no ideario) como «físicamente atractiva como hembra joven», pero «políticamente inconsistente». Analicemos a frase. Comeza polo físico e segue pola súa dedicación profesional. O de sempre, vaia. Por riba, nin sequera é quen de dicirllo á cara. Non. É mellor escribir un tuit, que para iso están as redes sociais, para deixar caer as bombas para que se propague o fume. Despois, cando se eslúa, xa veremos que facer, como xestionar as palabras e, no seu caso, a maneira de disfrazalas e camuflalas.

Vaiamos coa descrición sobre a deputada de Ciudadanos, Inés Arrimadas. Femia nova. Así, sen máis. Clasificándoa coma se fose unha peza de gando. Macho adulto, femia nova. Cal becerra. Neste caso, faltoulle medir as ubres. Quen sabe, no subconsciente igual xa o ten feito! Prefiro nin pensalo. Co de femia nova, sobroume. Precisamente del, que é un... macho arcaico?

Se estes son os representantes do país... como non vai haber empresarios que nos midan polo peito?