Lalín é diferente

Imma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ías un día a Lalín a mercar roupa ou buscar a empanada e tiñas a sensación de que aquilo si que era civilización, cun polígono industrial ateigado de camións aparcados, un centro comercial e mesmo un cine. E logo estaban as festas. Eu vin a Manolo Tena en Lalín. Se cadra, por iso teño esta querenza por Rafa Cuíña, o actual alcalde, tan fillo do seu pai, que coñeceu de primeira man ese proceso polo que Lalín se fixo capital daquela, cando as capitais importaban. Coma a súa vila, el tamén é diferente. Teño poucos amigos tan católicos, pero só el pensa iso que ás ateas nos parece obvio: que aconfesionalidade non é sinónimo de ateísmo, e que os concellos non teñen relixión porque non son persoas físicas. Como dixo Cristo, a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César. E non hai cousa máis sa que ser máis crente ca o Papa sen necesidade de que o teu concello se gabe de misas. O Concello xestiona a vida de todos, pero só uns poucos crentes: é mellor que cada un vaia ao seu. A presenza de corporacións en procesións é só unha tradición, revisábel, igual que en Lalín se revisou a Festa do Cocido ou o deseño dos pasos de cebra, e non pasou nada! Tampouco vai pasar nada porque cadaquén vaia ás procesións sen as atribucións constitucionais da alcaldía. Tranquilos, a Igrexa non corre perigo por iso, e Lalín seguirá sendo diferente, un pouco máis igual a sitios civilizados, pero diferente no sentido que nos gusta, que é o que conta.