Panamá

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pregúntalle Fedro a Sócrates, nun dos diálogos de Platón, sobre as mellores artes do discurso: as artes da persuasión e da argumentación, na procura da maneira máis eficaz de conmover as audiencias. ¿Como conquistar a vontade dos que nos escoitan? E responde Sócrates: «Buscando e dicindo a verdade. E que aqueles que nos escoitan saiban que certamente buscamos e dicimos a verdade». Van case 2.500 anos dende aquelas palabras de Sócrates. A Platón non lle gustaba a retórica, nin os sofistas, que eran os mestres da retórica clásica. Dicía que a retórica era a arte de convencer, á marxe de se se ten razón ou non na causa que se defende, e que os sofistas eran uns profesionais do negocio, dispostos a todo con tal de gañar cartos no ensino das artes da sedución.

Aristóteles, bastante máis práctico, advertía que a retórica é unha técnica e que, como tal, non é boa ou mala de seu, senón en función da causa á que se aplica. E aínda engadía máis: o segredo está na credibilidade de quen emite o discurso. Se se perde a credibilidade, se a audiencia deixa de crer na bondade ou na honestidade de quen emite o discurso, o sistema todo vén abaixo, coma un castelo cos alicerces de area. Van case 2.500 anos de tales reflexións, repito, e semella que seguimos a lle dar voltas aos mesmos lerios.

O problema das contas de Panamá, e doutras moitas contas activas nos chamados paraísos fiscais, non é tanto a súa legalidade como o que significan. Nas sociedades democráticas, ademais das cláusulas legais (toda lei leva agochada dentro a súa trampa, advertían os vellos), existen as chamadas figuras de referencia: actitudes, comportamentos públicos que serven de modelos de conduta e conforman, na practica, os valores éticos do corpo social. Vén ser o que tamén dicían os vellos: predicar co exemplo.

Sobre o exemplo das figuras de referencia, que ás veces son institucións e ás veces individualidades, merecedoras xa que logo de aceptación e respecto, conforman as sociedades (os cidadáns) os valores morais: institucións e individuos que moitas veces son figuras populares (do deporte, da ciencia, das artes, da política, dos medios de comunicación, da empresa) diante das cales a cidadanía se contempla a si mesma coma diante dun espello. ¡Isto é o que se debe facer! Porque as personalidades respectadas, recoñecidas como tales, así se comportan, moi principalmente os políticos, que apelan seguido aos principios de conduta e organización social.

¿Qué sucede cando esas figuras defraudan coa súa conduta non exemplar os principios que terman do sistema? Pois que, ao final, todo acaba indo a paseo. ¿Como pedirlle ao fontaneiro que nos fai a chapuciña na casa que facture con IVE ou que declare honradamente os seus ingresos na Facenda (¡que seica somos todos!) cando o espectáculo dos grandes promove semellantes exemplos? Sinto que a marea de hoxe me saíse un tanto filosófica de máis. Ao final, o pobre Sócrates, que predicaba a procura da verdade, acabou obrigado a tomar a cicuta. Condenado polos seus propios veciños.