Un neno e un balón

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

04 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai desgrazas que unha pensa que non deberían repetirse, que poden suceder unha vez por ignorancia, pero nunca máis, porque un neno e un balón só poden estar xuntos nun lugar cercado: un campo de fútbol, un parque sen estanques, un prado lonxe de calquera terraplén ou desnivel do terreo, pero nunca na rúa, nin preto do mar, nin dun río... porque o balón roda e o neno sae correndo tras el, sen pensar, como atraído por un imán, e os adultos non conseguen detelo, corren menos, non conseguen chegar antes que o coche, antes que o vento que empuxa o balón, antes que a onda que leva ao neno e á súa pelota.

Ocorreu unha vez máis, en Ponferrada, aí á beira, un neno romanés de trece anos, que xogaba co seu irmán de dezasete, xunto ao río Sil, que estes días baixaba crecido polas últimas choivas.

O rapaz lanzouse á auga para recuperalo, e unha pensa que aos trece anos debería saber que iso non debe facerse nunca, pero pensámolo porque non sabemos o que o balón significa para o neno, non entendemos a forza que os une, o que para el significa.

Tras o rapaz lanzouse o seu irmán para rescatalo, pero o río foi máis forte, ou quizá debería dicir, a desgraza, esa loba que nunca se farta.

Rosalía de Castro díxoo mellor que ninguén: «O mal fillo é do inferno, o ben do ceo / a desgraza de quen? Loba que nunca farta se ve... De onde ven? que quer?».

Preguntas sen resposta. Só un neno morto e un balón río abaixo.