De Zaventem a Maelbeck

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos meses dicindo «aquí vai pasar algo»; e pasou. Por sorte cadrou na Semana Santa e moitos de nós non estabamos. Somos de dous tipos, «hemigrantes» (termo acuñado polo Xavier Queipo) e de paso. Uns son os medio-emigrantes, que alá viven lendo La Voz na web e vendo a TVG a cotío; outros vimos sendo os «habituais con oficina» nese quartier européen onde meteron a bomba. Mais todos usamos o aeroporto de Zaventem e andamos no metro, moito, porque é moi cómodo.

Botei contas: en dez anos pasei máis de cincocentas horas en Zaventem, de tantas viaxes como fixen, e acabei farto de tanta seguranza aeroportuaria. Non podería contar as veces que estiven na estación de Maelbeck. É pequena, e situada entre dúas grandes, as de Arts-Loi e Schuman. Os asasinos escolleron ben: por ela pasan dúas liñas de moito avío ?a 1 e a 5? e fícanos preto aos que ruamos pola praza de Luxemburgo, arredor do Parlamento e dos predios da Comisión Europea. Ten moita xente sempre e o espazo é confinado, perfecto para que a onda expansiva mate moito máis por metro cadrado que en Arts-Loi ou en Schuman.

Quedamos abafados, todos, enviándonos mensaxes como damos argallado, pois a rede móbil non funciona normalmente. Púidolle cadrar a calquera de nós, en Zaventem ou en Maelbeck. Dous comentarios logo nos veñen á boca e á tecla: que nos lugares públicos os soldados non serven para nada; e que os musulmáns pacíficos non saen en manifestación inmediata, masiva, a diciren ao mundo que eles non devecen por destruír Europa.