Menosprezo do Goberno á Xunta de Galicia

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

19 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro

En xuño de 1978 nacía o Goberno preautonómico de Galicia. A UCD desbotou a posibilidade de que un galeguista histórico fose presidente e foi elixido Antonio Rosón. As distintas consellerías ocupáronas José María Pardo Montero, Ramón Pais, Baldomero Fernández Calviño, José Luis Meilán, José Quiroga Suárez, Miguel Sanmartín e Carlos Sueiro, da UCD; os independentes Marino Dónega e Benxamín Casal, e o socialista Celso Montero. O secretario foi José Rivas Fontán, tamén da UCD.

Desde o primeiro momento notouse que nin os dirixentes da UCD nin os do PSOE tomaban en serio a autonomía galega. O presidente Rosón fixo canto puido por vindicar os dereitos de Galicia, igualándoos aos de Cataluña e o País Vasco, pero a reportaxe que contra el e a súa familia publicara a revista Interviú no mes de abril danara gravemente o seu prestixio. Quizais por iso, durante a visita do presidente francés Giscard d?Estaing a Compostela, acompañado polo rei e varios ministros, Rosón foi discriminado no protocolo disposto en Lavacolla, e a Xunta decidiu non asistir a ningún dos actos oficiais, en sinal de protesta. A culpa levouna o gobernador civil da Coruña, Pedro Gómez Aguerre, pero non pasou nada.