Europa sen corazón

Ana Miranda TRIBUNA

OPINIÓN

16 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O encontro bilateral UE-Turquía de hoxe pode supor un dos eventos máis hipócritas da UE, se finalmente avala un acordo ilegal que contravén o dereito internacional e humanitario e permite a expulsión masiva de persoas desprazadas en territorio europeo. De consumarse, Europa consolidaría unha traxedia humanitaria sen precedentes desde a Segunda Guerra Mundial, cun acordo ilegal e ilexítimo que infrinxiría os Dereitos Humanos e a normativa de asilo e de protección de refuxiados, xa que estas expulsións están prohibidas pola normativa internacional.

Non abonda con conmovernos pola morte do neno Aylan Kurdi pois dende aquela xa morreron máis de 500 meniños. Non abonda con pensar que é unha traxedia allea. Somos nós, pobos e persoas. As nais dan o peito na lama en Idomeni, os refuxiados que queren cruzar o Eurotúnel son desafiuzados na terra mollada de Calais, o Mediterráneo é un cadaleito de fuxidos.

Europa cegouse co medo á seguridade, que serve de escusa para que aumente o discurso xenófobo; perdeu escrúpulos e deixou de ollarse a si mesma coma continente de refuxiados que foi. É a friaxe inhumana que domina os insolidarios Gobernos europeos a que facilita un acordo cun país como Turquía, totalitario e oportunista, que non garante ser un país seguro para as persoas desprazadas.

Viuse en Rojava, cando non axudou aos kurdos contra o Estado Islámico. Europa e Turquía queren consolidar un acordo de troque de persoas a cambio dunha prebenda de 6.000 millóns de euros e de axilizar visados e capítulos da adhesión á UE. Mentres Turquía asedia ás vilas kurdas, impide a liberdade de expresión, pecha páxinas web, veta manifestacións e mata, Europa quere quitarse o problema, pagando. Non gosta dos campos de refuxiados, non gosta das avalanchas nen das imaxes dos barcos fundidos. Ti paga, que eu envío emigrante ilegal por sirio legal. Así de rotundo e vergoñento.

Dende o 12 de marzo chegaron 2.259 persoas a Grecia. Desbordada, os brazos tendidos do voluntariado rebentan de traballo para salvar vidas, adiantándose a todo o que debían facer os Estados europeos, máis preocupados da xestión das cotas migratorias que do básico: rescatar á xente. Unha xestión escandalosa, ausente, descoordinada, hipócrita. Se se asina este acordo, é un drama.

Hoxe son elas e eles, antes foron os nosos, mañá pode ser calquera. Persoas que van por rutas inseguras, que agardan na incerteza diante de papeis intelixibles, que son carne de canón das mafias de seres humanos que negocian coa desesperación.

Agardan por unha nova vida, máis ben por unha vida, coa única certeza de non querer morrer. Nin de fame, nin de persecución, nin ser violadas, casadas á forza, maltratadas ou escravizados. Porque non hai valados nin arames que poidan coas ansias da supervivencia. E nós, pobos e persoas, temos ollos e ouvidos e debemos ter corazón diante da vergoña desta Europa indolente. Reclamemos a fin deste drama humanitario. Non no noso nome, Europa!