Militares no Salón do Ensino

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

15 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Confésolles que prefiro que os meus netos non elixan a carreira militar. Por dúas razóns: porque creo que ten máis riscos que ser docente ou médico, aínda que hoxe non falten riscos nesas profesións. E por aquilo que dixo Miguel Hernández: «Tristes armas si no son las palabras». Pero creo que os militares teñen todo o dereito a plantar un stand informativo nun Salón de Ensino, xa sexa en Barcelona ou na Conchinchina, opinión que non comparte a alcaldesa de Barcelona que, con evidente falta de equidade e grave mostra de sectarismo político, quere impedir a súa presenza.

O stand en cuestión, segundo informacións de prensa, é dos máis visitados, uns mil rapaces de media achegáronse cada día para recibir información sobre a carreira militar, que abarca moi distintos campos, desde música ou psicoloxía a enxeñerías de alta especialización. Privar aos mozos desa información creo que é unha postura intolerable.

Recordo que nunha das miñas estancias en Estados Unidos, o Exército acordoou, xusto á beira do campus da Universidade, un espazo no que unhas mozas guapísimas, vestidas con uniforme de verán, animaban aos estudantes para probar un espectacular vehículo militar todoterreo. Nada que ver co stand de Barcelona. Aquilo era un gancho; isto é información. Non se pode expulsar a quen a ofrece dun espazo que pretende ser Salón do Ensino.