Que pasa en Podemos Galicia?

Xosé Zapata TRIBUNA

OPINIÓN

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta pregunta foi repetida por inscritos e responsables de Podemos Galicia durante as dezaoito reunións comarcais que o secretario xeral de Podemos Galicia fixo nos dous últimos meses ante as novas dos xornais e as declaracións de moitos cargos e responsables do partido en Galicia.

Cando as persoas que están máis próximas a unha organización política teñen unhas dúbidas tan explícitas non quero nin pensar na confusión na que poden estar os votantes ou cidadáns máis alonxados da nosa organización política.

Entre o 9 de xaneiro e o 9 de febreiro desenvolvéronse unha serie de decisións e movementos que remataron na convocatoria dunhas eleccións internas en Podemos Galicia, que culminarán coa proclamación o día 12 de abril de novos cargos orgánicos autonómicos do partido, tanto novo secretario xeral, como Consello Cidadán e Comisión de Garantías.

A primeira análise a facer é sobre a realidade de Podemos en Galicia no último ano. A realidade organizativa é que de case 50 secretarios xerais en vilas e cidades galegas elixidos hai un ano só quedamos en activo a metade, que os consellos cidadáns de Pontevedra e Vigo están disoltos e o da Coruña no límite de quórum, e que en Ferrol nin sequera existiron nunca órganos. Finalmente, os responsables da desastrosa organización no último ano do partido dimitiron en bloque (dez membros do Consello Cidadán), deixando sen funcións un consello que tiña hai un ano 34 membros, nunha torpe manobra orquestrada pola cúpula estatal. En resumo, máis de 20 secretarios xerais, decenas de membros de consellos cidadás, 18 persoas do Consello Cidadán Autonómico e a maioría da Comisión de Garantías dimitidos ou desaparecidos. Os poucos cargos que quedamos en activo nesta ¿organización? estamos abraiados tamén pola situación, e dende os círculos de maneira maioritaria claman contra o abandono e a indiferenza que os responsables autonómicos tiveron para con eles.

Todo isto súmase a unha posición pouco clara da dirección estatal de Podemos sobre o futuro das súas delegacións en Cataluña, Euskadi ou Galicia onde o nacionalismo ten un peso especifico tanto ideolóxico como histórico na vida política territorial. Un cóctel explosivo que finalmente en Galicia remata nunhas eleccións dunha legalidade estatutaria moi cuestionable, xa que o secretario xeral autonómico non foi revocado polas canles establecidas nos principios organizativos, e que a Comisión de Garantías Estatal terá que aclarar.

Pero que pasa en Podemos Galicia? Pois unha expresión de nova política, unha mostra de que o antigo réxime de corenta anos de ditadura e corenta anos de intercambio decimonónico de poltronas do bipartidismo rematou. Benvidos a esa República que tanto detestaron e difamaron algúns. Benvidos á democracia, xa non é posible crear un partido político sen participación e transparencia. Agora é o momento de que os círculos de Podemos en Galicia participen deste proceso electoral, agora é o momento de solicitar aos novos responsables autonómicos que esta situación de indefinición sobre Podemos ten que rematar. Agora é cando Podemos Galicia decide ser ou non ser.

Xosé Zapata, secretario xeral de Podemos en Arzúa e membro da plataforma Democracia Podemos