«Agequake»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

02 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Quake en inglés significa tremor; earth, terra; earthquake, terremoto; age, idade. Os ianquis, tan afeccionados a xogar co idioma, inventaron agequake. Viría sendo «tremor de idade», referido á xente cargada de anos que transita entre a senioridade e a ancianidade. Nos Estados Unidos, onde manda a competencia por vivir, hai a grave preocupación dun «terremoto de vida vella» que descompoña o sistema social.

Estes días La Voz anda a mostrar realidades duras sobre o envellecemento de Galicia, e no Facebook trunfa unha imaxe mordaz do profesor Xosé Lois Martínez: a pirámide poboacional do Impaís a xeito de cadaleito.

Hai máis anciáns que cativos e isto non hai quen o sosteña... Salvo que poñamos as cousas no seu sitio: ¿cando se propuxo a idade de xubilación aos 65 anos? Cando a esperanza de vida europea estaba nos 68 e na proporción entre traballos físicos e intelectuais mandaban os primeiros. Hoxe vívese nunha sociedade na que a tecnoloxía permite estender a vida laboral case ao ritmo en que aumenta a esperanza de vida. Se queremos evitar o agequake, non fica outra saída que a xubilación selectiva, axeitada ás habelencias e ás circunstancias de cada persoa. Non se trata de explotar os vellos, senón de evitar a súa indixencia por quebra matemática da caixa das pensións.