A dura vida das modelos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Adriana Lima, unha modelo que no 2015 facturou oito millóns de dólares, contou que está cansa de traballar. Foi un pronto que lle deu, despois dunha sesión fotográfica de dez horas, un retraso de tres nun voo Nova York-Miami, unha dramática nostalxia das súas fillas, e un catarro horroroso dos de dor de cabeza e mocos. Si, os anxos de Victoria?s Secret teñen mocos. Só que os seus mocos valen oito millóns e os de vostede non. As nosas dez horas de traballo, os nosos días de erguernos e deitarnos sen ver ás fillas, as horas de desprazamentos que ninguén nos paga, valen unha cantidade pola que temos que sentirnos orgullosas e conformes aínda que non abonde para comer, segundo viñeron dicirnos o outro día á luz do balance do paro do mes de xaneiro. Iso si, nun rauto de empatía colectiva, lemos o mal que lle vai á pobre Adriana Lima, por se non dá gastado os millóns de euros, e porque decidimos que é traballo e non tortura a vida de dietas e deporte á que se someten as modelos; unha vida que mata. E se non mata, desde logo que empeora a saúde mental, cousa que, sumada aos mocos, é terrible.

Fagan a proba. Quéixense do traballo, pobres mortais con catarros sen glamur. Digan que as explotan. Digan que o traballo non lles permite estar cos fillos. Digan que lles pagan unha miseria. Proben. A ver canto tarda en aparecer un aspirante a ministro de Traballo na mesa do lado que lle mande pedir perdón por ter choio, e lle veña dicir que é vostede idiota por non ser Adriana Lima para cobrar por non traballar e que enriba a admiren.